Mar
31
2012
0

COCHIKEIROS VOLVEN A PERDER: ERA BOA, VILABOA!

Cochikeiros venceron a todos o elementos nesta fin de semana para poder estar presentes na pista de Castro-Laxe, ao lado de Vilaboa, que xa se lles dera ben na anterior xornada alí disputada. Nin o anacrónico cambio de hora que só serviu para que gastasen aínda máis enerxía nesta xornada, nin o horario matinal que sempre soe xogar na contra do equipo, nin a atraso nun cuarto de hora para o comezo do Aberto foron obstáculos suficientes para que os membros do equipo puidesen estar presentes nesta 9ª xornada, polo menos en corpo e aínda que pareza inverosímil tamén en mente, iso si, chegando tarde coma de costume e dando a aliñación polo móbil desde o coche.

Os palanadores e palanadoras do equipo tras brillar pouco como estrelas no pasado All Star miraron ao ceo nesta fin de semana, algún nunha revista mentres lle cortaban o pelo, para ver o que os astros lles deparaban para esta xornada. Parece que o fenómeno astrolóxico da conxunción de Venus, a Lúa e Xúpiter formando unha aliñación perfecta predicíalles que esta podía ser unha boa xornada billardeira polo que se conxuraron para dalo todo coma nunca este domingo e ofrecer o espectáculo astrolóxico que non deran no pavillón do Piñeiro.

E moito espectáculo si que houbo na pista, e xa dende o primeiro minuto. Comezábase a xogar, o árbitro chamaba por Antón que aínda non se atopaba presente e cando ían descualificalo por incomparecencia chega sachando co coche, sae del sen nin sequera coller as chaves e salta á pista berrando “aquí estou”. Pero nisto o árbitro sóltalle: “a onde vas con ese tranco?”, non é que chegase empalmado polo efecto dunha «tumescencia peneal nocturna» senón que traía na man un tremendo palán non regulamentario que mercara, ou máis ben lle venderan, na sección de deportes de «El Timo Inglés» pero que o dependente fora buscar á sección de ferretería. Debeu ser do rebote que colleu que conseguiu pasar á rolda final e ademais cun palán prestado.

Pero Boquete tamén se subiu ao carro do espectáculo. Xa lle custaba saír da zona de saque, e iso que o intentaba de todos os xeitos posíbeis, pero nunha desas golpea a billarda para deixala preto do varal pero cara a un lateral. E que mellor maneira de rematar o mal xogo que facendo un mate digno de All Star: dálle á billarda, golpéalle e cando esta está diante do varal lánzase en prancha e voando bátelle outra vez pero non consegue metela pois quédalle a uns centímetros da liña. Mágoa que as cámaras non tivesen captado ese momento para puidésedes gozar del. Lamentamos que tanto esforzo fose en balde e non pasase de rolda.

 

 

Aínda que custe crelo, o mellor palanador do equipo, aclaremos, na rolda de grupos, foi Alberte o rei de Xermar” que xa chegaba pola mañá dicindo que ía arrasar. Pero durante o descanso, sentado no seu trono e acompañado polo seu inseparábel lacaio Antón, estivo a alardear do seu xogo e das calidades aerodinámicas da súa billarda polo que tanta soberbia lle xogou unha mala pasada e despois non conseguiu pasar da primeira eliminatoria.

 

 

Por segunda vez consecutiva Berdillo conseguía chegar aos cuartos de final, que parecen ser unha barreira difícil de superar para o equipo. E fíxoo cunha billarda que xa estaba toda esnaquizada por diante, e só de xogar ese día, o que é indicativo do “boísimo” material co que xoga o equipo, pero que se resistía a cambiar. Iso si, o capitán do equipo antes de ser eliminado e co ánimo de todo o equipo ao son de alcalde, alcalde!! fixo pasar a billarda polo medio de dúas cerchas da cuberta e case fai varado. Xa sería moito!!.

 

E Viqueira conseguía “in extremis” acompañar aos outros tres magníficos á rolda final e acadar o obxectivo do equipo de meter a catro palanadores en oitavos de final. Quedárase durmido e tivo que erguerse á presa pola mañá polo que aínda debía estar durmindo. Agardemos que non se desinche nestas tres últimas xornadas e se manteña na clasificación para conseguir ir á final de Conxo.

 

 

Nesta xornada na que non puido participar Zaida, que como se confíe moito non se vai clasificar para os play-off, a representación feminina correu a cargo de Mila, a nova palanadora do equipo filial, que na súa primeira participación na liga deixou todo o seu xenio na pista aínda que neste día debía ter pouco polo que non pasou da primeira rolda.

 

 

Quen si conseguiu pasar da primeira rolda foi outro debutante do filial, Mosquera, acadando un fito histórico para Cochikeiros B. Moi boas sensacións está a dar este rapaz que xa demostrara un enorme potencial no All Star. Pero o segredo dos seus poderes, coma en todos os superheroes, está no traxe: e que poñer o chándal do Encrobas C. F. para xogar á billarda fai a un impabatíbel ademais de dar categoría e clase.

Carlinhos como non se afeite calquera día nun deses magníficos golpes quédalle a billarda enredada na barba. Estaba encadrado nun grupo bastante cómodo a aínda así non pasou de rolda porque se debeu de acomodar demais. En toda a liga só conseguiu unha vez pasar a oitavos de final e foi precisamente en Cerceda para así non quedar mal diante da veciñanza.

 

 

O que parece estar xa desposuído desa áurea que acadara no aberto disputado en Cerceda cando acadara a semifinal é Isma. Foi o último de todo e parece que lle afectou moito, pero non sería de estrañar que na vindeira xornada rexurda das cinzas. No que andan moi escasos no equipo é de varados pois lembremos que Isma é o que máis varados leva feito do equipo e disto xa fai varias xornadas atrás.

Pero o mellor da xornada foi o terceiro tempo disputado nun sport-bar de Vilaboa entre cervexas e tapas de callos que ben seguro viñan mellor antes de xogar para coller “forza no cu”.

 

CHASCO BILLARDEIRO.

Pero nesta 9ª xornada veunos ao recordo a outra disputada nesta mesma pista. Dende Cochikeiros tamén se quixo participar dos chascos do Antroido de Cerceda e que mellor maneira de facelo que dando unha falsa crónica do que fora a 7ª xornada da liga. No seu momento destacábamos con toda a pompa a suposta vitoria do palanador Viqueira nun Aberto da liga pero a noticia sería certa se a cada frase lle engadísemos un “case”. Aínda que obtivo un bo resultado, pois conseguiu chegar á semifinal, deixou a todo o equipo cun sabor agridoce xa que se agardaba unha vitoria despois dos bos resultados acadados polo equipo nas últimas xornadas. Pero con isto conseguiuse que Viqueira, o palanador antigaláctico, o palanador discreto ao que non lle gusta a popularidade e que se afasta do flashes das cámaras fose portada dos medios de comunicación deportivos do país e como non podía ser doutro xeito tamén foi nova destacada no blog referencial da billarda http://ovaral.blogspot.com/2012/02/lnb-lume-de-viqueira.html.

 

Nonqueríamos que a afección se desanimase diante dos vindeiros posibles malos resultados e que todas e todos acabasen asumindo que o equipo tocara teito, pois xa despois na 8ª xornada disputada na Sardiñeira o equipo tivo unha desastrosa actuación na que tan só Berdillo e Zaida pasaron de rolda e Viqueira foi quen o fixo peor, posiblemente debido ao estrés mediático de toda a semana. Esa xornada só destacou polo debut de Martiño como novo palanador do equipo filial.

 

 

Así a suposta vitoria fixo estalar de ledicia a unha afección que xa viña de gozar coas anteriores xornadas disputadas. Este chasco serviu para levantar o ánimo e o apoio ao equipo que agardemos despois desta brincadeira aínda continúe. E como diría Chús, a nova palanadora e eterna debutante na liga, «arriba esa pasión».

 

 

Written by aclucernacerceda in: BILLARDA |
Mar
20
2012
1

BILLARDA ALL STAR 2012: ESTRELAS E ESTRELAD@S.

O pasado domingo tivo lugar no Pavillón do Piñeiro un acontecemento que situou ao concello no epicentro mundial da billarda. Un evento que paralizou toda actividade e que despertou un interese nunca antes visto neste deporte, colapsando os accesos ao Piñeiro e quedando pequeno o inmenso aparcadoiro. Mesmo o comezo do partido de fútbol do Cerceda tivo que demorarse ata que rematara o lanzamento de foguetes que pola tarde anunciaban o inicio do Aberto das Estrelas.

 

Para Cochikeiros esta foi unha xornada “rara”, o mundo ao revés, na que os mellores palanadores da liga non conseguían clasificarse para a rolda final mentres os que estaban a facer unha liga máis irregular eran os que se clasificaban aínda que non conseguían pasar da primeira eliminatoria e iso que algún ben que o tivo fácil. Pero espectacular si que foi a xornada matinal, iso si, se estiveramos nun circo, pois a actuación dos palanadores e palanadoras no concurso de mates foi do máis divertido que ocorreu neste día. E do concurso de varados xa non falemos, pois para mandar dun golpe a billarda ata o varal primeiro hai que darlle.

 

Neste día botouse de menos a Viqueira, estrela do equipo tanto nos cartaces coma no campo, que debeu predicir o que podía pasar ao conxunto do equipo que para non dar vergoña antes preferiu ir papar unha lamprea que facer a prea. Tamén Antón, a fichaxe estrela do equipo, xa amagou durante a semana, sen ningún motivo, con non participar. Tras a súa discreta actuación matinal despois de xantar e, iso si, co bandullo ben cheo abandonaba ao conxunto do equipo xustificándose cun xesto de suposta humildade, pero máis ben de covardía, de que el non era unha estrela para estar neste Aberto. Irrecoñecible e lamentable tamén estivo a actuación de Berdillo máis centrado en lanzar os foguetes que as billardas. Pero unha das sorpresas foi a clasificación de Alberte que non paraba de chufarse diante dos demais polo que ben contentiño que marchou para a casa, veremos canto lle dura a potra. Quen estivo a punto de pasar de eliminatoria foi Carlinhos, “speaker” do All Star, pero desaproveitou a oportunidade cando quixo facelo bonito coma se estivese no concurso de mates. Tamén estiveron defendendo as cores do equipo Zaida, Verónica (que fixo miles de km. ex profeso para ocasión), Adrián, Isma, as novas palanadoras Mila e Marié e as fichaxes de última hora que dan veteranía ao equipo Gende (pai de Berdillo e Carlinhos) e José Manuel (tío de David Fontán).

 

Pero sen dúbida a estrela do equipo foi un debutante, Mosquera, que demostrou que cando un non lle dá á billarda non é culpa desta nin do palán senón de quen golpea, aínda que tamén ben seguro que tivo consigo o da “sorte do principiante”. Agardemos contar con el e coa súa sorte para vindeiros compromisos deportivos.

 

Neste día quedou demostrado que hai canteira nalgúns equipos da liga, cousa que non pasa no noso, pois unha palanadora moi nova chamada Sheila, unha estrela miúda, pero non das que fan play-back senón das que golpean forte e con xeito a billarda, converteuse na gañadora deste Aberto das Estrelas levando para a casa a enorme cachucha que lle entregou como premio Gende, protagonista do impactante vídeo de promoción do All Star.

 

Como conclusión deste día para o equipo extraemos a seguinte: un gran día no aspecto organizativo e un mal día no deportivo, bueno…regular e… divertido.

 

Para quen non veu a gozar deste día pode informarse do que pasou a través crónica publicada en DIOIVO e elaborada polo compañeiro e rival David Fontán:

http://www.dioivo.eu/deporte/billarda/307-desfile-de-estrelas-en-cerceda-2

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Written by aclucernacerceda in: chascos_entroido |
Mar
07
2012
4

Billarda All Stars 2012 Cerceda

Este domingo esperámosvos en Cerceda no aberto de billarda que reunirá as máis grandes estrelas da billarda para desfrutar dunha xornada deportiva e de paparota.
Non é necesario ser un profesional para participar do xogo pero
xa sabes… «dentro de ti hay una estrella , si lo deseas brillará !! » (B.Osborne)


Ver Billarda AllStars en un mapa más grande

Written by aclucernacerceda in: BILLARDA |
Feb
14
2012
1

Un concerto de Ses moi chasqueante !!

Pois parece ser, e según me dixeron, que este sábado pasado en facebook  ( la gradilocuente plataforma que salvará nuestras vidas) creárase un evento onde se anunciaba un concerto no auditorio da nosa benquerida Ses (máis concertos nooon porfavor! xD ) . A cousa non parecerá tan raro ainda que fose mentira, pois moitas máis hai pola rede de redes; o curioso é que un grupo de fanáticas donde las hai apareceron poralo arriba (poderíase decir bragas en man) e levaron co chasco en toda a boca. Non quedaron sen concerto, as creadoras do chasco derón un concerto acústico versionando a Ses  ben merecido para quen se achegou porali, máis ben para non quedar sen amigas de por vida!

http://www.facebook.com/events/140263872760395/

 

Written by aclucernacerceda in: chascos_entroido |
Feb
13
2012
0

Aparece o primeiro chasco deste antroido

Faciase tardar, e ainda que este ano o espirito dos chascos parece non deixarse ver, apareceu o primeiro  polo campo da feira. Nunha das noites deste fin de semán, e aproveitando a total escuridade na que se ve asumida a praza do centro, alguén (alguns, algunha!?!? ) colocou uns cirios nas farolas e no sitio delas. Nestas noites poidéronse ver estas pequenas luminarias vermellas que máis que alumear , metian algo de acoj**. Ainda hoxe hai quen chegada a noite as prende. Será o mesmo que as puxo ou @s veciñ@s esperando ter algo de lus xa que, dende que sacaron as navideñas e machou a lua chea , non se ve nadiña.

Written by aclucernacerceda in: chascos_entroido |
Feb
08
2012
0

Antroido de Cerceda 2012

Un ano máis, A.C. Lucerna encárgase de levar adiante  o Antroido d@s veciñ@s de Cerceda. A cita é o sábado 25 de febreiro ás 16h no campo da feira. Como ven sendo tradición antroideira,  o Choqueiro será enxuizado, apresado e queimado; deixandonos os seus bens e unha boa paparota. Recorda que ademais, o sábado anterior o Choqueiro apresentarase ás xentes da vila e estará toda a semana, ata o día do Antroido, de bares e mal faceres.

Vente o Antroido de Cerceda, a tua festa!

Written by aclucernacerceda in: ANTROIDO |
Feb
06
2012
0

PRIMEIRA VICTORIA DE COCHIKEIROS NUN ABERTO

Nunha xornada matinal desas das que ata o de agora foran desastrosas para o equipo, e contra todo prognóstico, colleitouse o primeiro grande éxito de Cochikeiros nesta liga. Tivo que ser o palanador máis regular, o mestre carpinteiro das billardas, o que acadara o primeiro gran triunfo para o equipo. Viqueira impuxo a súa autoridade nesta 7ª xornada disputada na pista de Castro-Laxe (Culleredo) e cun alto nivel de participación, varrendo da pista todos os seus opoñentes, realizando catro varados e levando ao equipo á gloria deportiva na LNB. Nin o horario de xogo, nin as condicións na que se atopaba a pista, nin a presión mediática e moito menos os últimos gañadores dos abertos puideron conter o vendaval de xogo dun Viqueira ao que ao final aínda lle custaba crer o triunfo acadado. Deste xeito o equipo ponse a «tiro de billarda» de Filloas, o equipo que «polo de agora e seguro que só ata a vindeira xornada» lidera a clasificación por equipos.

Nos vindeiros días comentaremos máis cousas que deu de si esta xornada tan exitosa para o equipo revelación da liga.

Noraboa Viqueira!!! Avante Cochikeiros!!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Written by aclucernacerceda in: BILLARDA |
Xan
24
2012
0

Estadísticas da Billarda

Written by aclucernacerceda in: BILLARDA |
Xan
23
2012
3

COCHIKEIROS SON SUBCAMPIÓNS DE INVERNO

Despois de disputarse a 6ª xornada o equipo chega á metade da liga acadando o segundo posto na clasificación da Conferencia Noroeste. Apalpábase no ambiente que algo grande podía pasar este domingo pois por primeira vez en toda a tempada acudiu o equipo ao completo a unha convocatoria na que as brincadeiras foron a mellor táctica de xogo. Non se sabe moi ben a que se debeu tal ansia e entrega por xogar nunha desapracíbel tarde pero na que o bo humor foi a mellor ferramenta para escorrentar o frío. Os palanadores foron recibidos no Parque de Santa Margarida na Coruña, no que estaba previsto xogar, por unha intensa choiva polo que algúns nin baixaron do coche, non vaia ser que encolleran ao mollarse. Alí xa estaban a facer o quecemento a parella billardeira formada por Alberte e Zaida que ben seguro xa estiveron de noite a ensaiar a táctica. Mentres todos os palanadores e palanadoras dos equipos participantes agardaban a que escampase, a choiva tornouse en saraiba polo que, xa que non trouxeran as billardas adecuadas para xogar nesas condicións tan extremas, tomouse a decisión de buscar unha pista cuberta e finalmente tiveron que cruzar a ría para ir xogar a Perillo (Oleiros).

Nesta xornada Cochikeiros conseguiron por segunda xornada consecutiva poñer a un palanador nunha semifinal. Berdillo, con algo máis de sorte que de precisión e bo xogo, colocouse ás portas da final sendo apartado da pista polo imparábel xogo da campioa do aberto, Geni de Roteiros. Estas semanas vai ter choio pois ten que facer unha nova billarda xa que escachou a que tiña, non se sabe se dunha hostia que lle deu ou seguramente dun “billardazo” producido polo impacto dunha billarda doutro palanador, dúbida da que se sairá cando na sección “o que o ollo non ve” do programa Xogo Limpo da RTVCerceda analicen as imaxes do Aberto.

Pero sen dúbida a grande protagonista do equipo nesta xornada, e por méritos propios, é a gran palanadora Zaida. Nunha xornada na que as palanadoras da LNB foron as protagonistas, realizou o mellor aberto da tempada e quedou a un paso da rolda final. Grazas á súa boa actuación é a primeira vez que aporta puntos á clasificación por equipos, decisivos para acadar a segunda mellor puntuación de toda tempada.

E se Zaida foi a cara da moeda nesta xornada, a cruz tocoulle a Alberte. Antes de comezar ,con fachenda estivo a a falar das melloras aerodinámicas que lle introducira á súa billarda: un pintado de cor vermella cun rotulador escolar que tiña pola casa. Logo se lle desinchou o peito despois de que na primeira carreira lle custase bater a billarda. Aconsellámoslle máis humildade e que aprenda de Zaida.

Unha das decepcións foi que Viqueira non pasase á fase final colleitando así o seu peor rexistro da tempada. Esta baixada no seu rendemento preocuparía ao equipo se non fose porque o venres á noite mangouse medio botelo para cear que lle debeu sentar algo forte para o seu delicado estómago e que aínda lle estaba a obrar no bandullo.


Pero se xa non eran poucas as sorpresas, a elas uniuse a de Antón que non saía do seu abraio: Ou meu deus, ou meu deus!; pois conseguía pasar á rolda final desquitando así a pésima actuación da pasada xornada polo que esa noite puido durmir a gusto, sen dores de cabeza. Iso si, foi apeado da nube pola gañadora do Aberto.

Adrián parece que na casa cantáronlle as corenta e mellorou a súa actitude conseguindo pasar da primeira rolda. Agardemos que esta agardada melloría sirva para meterse entre os doce mellores palanadores ao final da tempada.


O xogo de Isma ben daría para facer unhas apostas ou unha porra pola incerteza do resultado e a pouca lóxica para facer un prognóstico. Nunha xornada abraia co seu xogo e noutra, coma nesta última, parece que é o primeiro día que xoga á billarda. Sen dúbida é o factor sorpresa do equipo.

Carlinhos parece estar xa máis centrado na preparación do Antroido ca na billarda e levou un bo chasco nesta xornada coa súa peor puntuación da tempada. Xunto con Alberte son os dous que menos puntos teñen polo que de non mellorar na vindeira xornada son os candidatos para que un deles sexa investido con todas as honras antroideiras “Choqueiro Cochikeiro”.

Boquete parece aprender moi rápido e discretamente colouse na eliminatoria dos cuartos clasificados de cada grupo o que case lle dá o pase á rolda final. A pesares de non conseguilo quedoulle a satisfacción da louvanza dos membros do equipo por ter feito as agarradeiras de coiro para os paláns. Iso si, para case todos menos para o capitán do equipo. Xa lle vale, que mal lle fixo!!

O optimismo que embriaga aos membros do equipo fai que xa estean a realizar unha achega económica para ir á mercar uns foguetes cos que celebrar unha pronta vitoria nun aberto. Agardemos que de aquí a que chegue o día se non se molle a pólvora.

Visto o que pasa, nada é previsible neste equipo que é, non unha caixa, senón un baúl, ou mellor dito, un “contedor de sorpresas”.

Aberta xa a feira de inverno para novas fichaxes, estase tentando reforzar ao equipo filial, Cochikeiros B, con palanadores e mellor aínda palanadoras que fagan compaña a Boquete que se atopa moi só no equipo.

Lembra que podes colaborar co equipo para axudar a paliar a difícil situación económica pola que atravesa mercando o almanaque no que os palanadores e a palanadora de Cochikeiros posan tal e como viñeron ao mundo… dando a nota!

Podes seguir cada xornada da Conferencia Noroeste en: http://lnb-noroeste.blogspot.com/ e podes ver todos os resultados de todas as conferencias en: http://todolnb.blogspot.com/
Coñece tamén o que pasa en todo o país arredor da billarda en: http://ovaral.blogspot.com/

Written by aclucernacerceda in: BILLARDA |
Xan
03
2012
1

TV Cerceda EPIC FAIL

Xa pasados uns dias dos chamados santos inocentes, concretamente na última emisión do ano, colouse esta perla no final do noticieiro da televisión de Cerceda.

A verdá.. que pasen estas cousas pero que nunca falle o que sempre soe fallar, o croma key… será que hai algun/ha editor@ de video descontent@?

Por suposto deixamos as congratulacións enteiras para desexarvos un bo aninovo!

TV Cerceda FAIL

 

 

 

Written by aclucernacerceda in: OUTROS |
Olark Livehelp

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes